Primer Premio nos Premios de Voz Natura (Provincia de Pontevedra)
Co proxecto Sementa ideas, recolle futuro; viven san, medra ben participamos na 25º edición dos Premios Voz Natura e resultamos/fomos galardoados co primeiro premio da provincia de Pontevedra. Para asistir o acto de entrega dos premios viaxamos ata o Museo da Voz de Galicia en Arteixo. Alí compartimos espazo cos outros seis premiados que, xunto con todos os participantes do programa de Voz Natura, loitan por conseguir un futuro máis verde.
Voz Natura é o programa medioambiental que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre dende 1997 co propósito de asentar uns firmes valores ambientais dende cativos.
Nesta edición, a número vintecinco, participamos un total de 365 centros, 75 000 alumnos e alumnas e 3 500 profesores galegos. Todos os proxectos teñen un obxectivo común: traballar e concienciar sobre a importancia de coidar o medio ambiente, a nosa casa común.
Durante este curso 21-22 desenvolvemos no centro un programa moi completo, caracterizado por ser multidisciplinar, integrador e que comprende as tres etapas educativas: infantil, primaria e secundaria.
O coidado da horta, a fabricación de compost aproveitando os refugallos orgánicos das merendas e do comedor escolar, a limpeza do patio e da praia da Posta, a elaboración dun manual sobre Economía Circular, as investigacións sobre a flora terrestre da contorna, fauna e flora mariñas, contaminación acústica e zonas verdes da nosa cidade, a reciclaxe de papel, pilas, roupa e tapóns para a Asociación Juan XXIII (Cangas do Morrazo) exposicións e charlas de profesionais para concienciar e implicar a toda a comunidade educativa, foron algunhas das actividades levadas a cabo polo alumnado e profesorado do centro, todas elas de gran valor ecolóxico e de acción directa sobre o medio.
En setembro Voz Natura voltará ás nosas aulas e participaremos na vixésimo sexta edición traballando por un “Consumo responsable, sostible e respectuoso co medio ambiente”. Contamos contigo!
Ciencias, Concursos, Curso 21/22, Educación Especial, Educación Infantil, Educación Primaria, ESO, Voz Natura