Ir al contenido principal

Murakami, a cor e a creatividade

Neste terceiro trimestre, o alumnado de  3º da ESO mergullouse no universo visual do recoñecido artista xaponés Takashi Murakami, coñecido internacionalmente pola súa arte chea de cor, iconas pop e influencias do manga.

A actividade comezou cunha lectura comprensiva sobre a teoría da COR e un cuestionario teórico sobre esta, que nos permitiu repasar conceptos fundamentais como o círculo cromático, as cores primarias, secundarias, cálidas, frías, complementarias, etc.

A seguir, en parella elaboraron unha infografía sobre a vida e a obra de Takashi Murakami, combinando texto e imaxes para sintetizar visualmente os aspectos máis destacados do seu estilo, a súa carreira e a súa filosofía artística.

Como actividade final, puxemos en práctica todo o aprendido: cada estudante creou o seu propio círculo cromático inspirado na icónica “Flor de sol” de Murakami. A partir da súa característica flor sorrinte, reproduciron con precisión as cores do círculo cromático, combinando creatividade, técnica e coñecemento.

Todas estas creacións foron expostas nun mural colectivo acompañado de imaxes do artista, que agora decora unha das paredes do colexio e enche o espazo de vida, alegría e moita cor. Un proxecto no que arte, teoría e expresión plástica se dan a man para seguir aprendendo dun xeito activo, visual e significativo.

Comparte esto:

3 ESO, Curso 24/25, Educación Plástica, ESO, Polos creativos

Aviso sobre Cookies en WordPress por Real Cookie Banner