Skip to main content

Visita dos familiares no proxecto dos oficios

Comezamos un novo proxecto sobre as actividades económicas. Para elo contamos coa visita dos familiares que falarán dos seus oficios. 

Luisa Tajes , 23 de febreiro de 2017.

Luisa traballa na residencia de anciáns de Marín. Leva moitos anos no oficio, algo que percibimos ás claras a través desta charla na que aprendemos e tomamos conciencia da vida interna dunha residencia de anciáns. Grazas a Luisa soubemos dalgunhas doenzas, das súas características e dos seus coidados; das tarefas que desenvolven e da paixón por unha profesión para a que hai que ter unha clara vocación ademais dos estudos pertinentes. Para rematar tróuxonos un aparello co cal medimos a tensión. Agradecemos a súa presenza e xenerosidade.

 


 

Celia Buceta , 22 de febreiro de 2017.

Sempre ollamos dende as aulas o quefacer diario de centos de mariscadoras e mariscadores que ateigan os areais da Ría de Pontevedra; hoxe visitounos Celia, mariscadora de varias xeracións que nos achegou interesantes coñecementos sobre o oficio. Foi na mesma praia de Praceres onde puidemos coñecer as técnicas e os aparellos precisos para a extracción da ameixa. Despois desta práctica regresamos á aula con Celia onde puidemos ver as diferentes vestimentas do oficio, ollar os bivalvos vivos ou os aparellos de medición de ameixa. Toda esta charla acompañouse dunha morea de preguntas que de seguro deixaron a cada alumno unha información útil para continuar investigando. Agradecemos a súa presenza e xenerosidade.

Ana Amoedo, 20 de febreiro de 2017. 

Ana rexenta unha peluquería en Pontevedra. Leva máis de vinte anos traballando no sector e hoxe visitounos para falarnos do seu oficio, do seu día a día e da formación precisa para exercer esta profesión. Ensinou materiais e explicou diferentes e complexas técnicas; tamén nos transmitiu o gusto polo que fai e a ilusión de contribuír a «poñer a xente guapa». O tempo quedounos curto pero seguro que nos volveremos a ver. Agradecemos a súa presenza e xenerosidade.

 

Manuel Soage, 16 de febreiro de 2017.

Manuel traballou na construción. Como avó dun alumno non perdeu a oportunidade de visitar a nosa aula para falarnos, máis aló dos oficios, dunha época da que queda a vivencia da súa xeración. Foron todos relatos e historias únicas.Agradecemos a súa presenza e xenerosidade.

 

 
José Manuel Landín, 13 de febreiro de 2017.

José Manuel, avó dunha alumna, trouxo á nosa aula aprendizaxes sobre o mundo das redes. Con máis de corenta anos de traballo, este experimentado redeiro, amosounos diferentes técnicas de confección de redes así como algún vídeo sobre o emprego das mesmas. Foi unha charla moi didáctica acompañada dunha sesión-taller onde puideron facer unha pequena iniciación ao oficio. Agradecemos a súa presenza e xenerosidade. 

María Santiago, 9 de febreiro de 2017.

O pasado xoves 9 de febreiro, recibimos a María que nos falou do seu traballo na industria madereira. Foi unha visita moi interesante, con moitas aprendizaxes e cunha interesante comunicación entre todos. Agradecemos a esta nai o tempo que empregou para acompañarnos nunha fermosa xornada.

                                               

Proxecto feito o curso pasado en 6º de Primaria

Comparte esto:

6 Ed.Primaria, Actividad Cultural, Charla, Curso 16/17, Educación Primaria