Aí ven o maio. #EducacionEspecial
As aulas de cores celebramos a Festa dos Maios neste ano de poucas festas.

Gústanos a natureza e como saberedes temos unha pequena horta e un xardín que nos da traballo, pero tamén alegrías cando chega a colleita e a primavera coas súas flores.
Investigamos sobre a festa e atopámonos con que na Praza da Ferrería celébrase a Festa dos Maios, unha tradición ancestral que Pontevedra conseguiu manter viva coma nós no colexio, porque este ano, a pesares da pandemia, cantamos o maio en pequenos grupos burbulla.
Uns fixemos colares, debuxamos ou escribimos sobre a festa e outros estivemos co fiuncho, as xestas e as calas. Compuxemos tamén un maio de papel e cantamos coplas petando coas claves darredor.
Buscamos música para porlle ao noso vídeo e atopámonos cunhas mulleres que nos abraiaron, do grupo «Habelas Hainas. Como a mestra xa as coñecía escribímoslle un correo pedíndolles autorización para utilizala. Aceptaron e aí tedes o resultado!
Podedes cantar con nós!