«Conferencia-coloquio con Andrea Maceiras»
A semana pasada tivemos o grande privilexio de que a escritora Andrea Maceiras visitara o noso centro. Andrea Maceiras é unha escritora moi nova, nacida na Coruña, que estudou Filoloxía Hispánica e Galega e que realizou a tese doutoral na Universidade da Coruña, onde hoxe en día está traballando.
Autora de libros destinados a un público fundamentalmente xuvenil, logrou varios premios literarios entre os que destacan: o «I Certame de Micronovela do Concello de Soutomaior» coa súa primeira novela «Proxecto Bolboreta» e o «IV Premio Meiga Moura» co seu libro «Violeta Tamurana».
Nesta ocasión Andrea conseguiu engaiolar os nosos alumnos falándolles dos dous libros que lemos durante este trimestre: «Violeta Tamurana» en 3º de ESO e «Nubes de evolución» en 4º de ESO. Nestes libros Andrea trata temas como: o amor, a amizade, a maxia, o racismo, o medio ambiente, a valentía e o valor do coñecemento.
Despois da súa exposición oral e gráfica destes libros, os nosos alumnos fixéronlle unha serie de preguntas, para finalmente ter a sorte de que esta marabillosa escritora lles asinase os seus libros.